Wednesday 24 de April de 2024

Alternativa de Arteixo concentrarase os mércores ante Costas na Coruña


Alternativa dos Veciños de Arteixo concentrarase todos os mércores diante da Demarcación de Costas na Coruña para demandarlle a Demarcación de Costas que proceda a limpar a Ría de Barrañán e a buscar solucións reais para os areais afectados polo cambio de correntes como consecuencia do Porto Exterior. Este mércores ás 11 horas levarase a cabo a primeira destas concentracións, que non se deixarán de celebrar ata que Costa atenda as demandas de Alternativa.

“Comeza a tempada de verán e a Ría de Barrañán continúa totalmente invadida pola maleza. No seu día, variáronlle o leito para executar o paseo marítimo e esnaquizárona. Logo, deixárona totalmente abandonada ata quedar invadida pola maleza. Un atentado contra o que era un espazo natural espectacular” apunta Juanfran Martínez, coordinador de Alternativa en Arteixo.

“Agradecemos que a Demarcación de Costa e a Autoridade Portuaria atendesen finalmente ás nosas reiteradas peticións en relación aos areais afectados polo cambio de correntes como consecuencia da construción do Porto Exterior. Pero, as solucións ademais de chegar tarde tampouco son as idóneas. Xa lle fixemos saber á Demarcación de Costas e a Autoridade Portuaria, que antes de realizar o recheo de area deberíanse retirar as pedras dos areais. Como sempre, din que son os expertos na materia e actúan como lles dá a gana e sen escoitar a quen coñece a situación” matiza Juanfran Martínez.